Tres xoias musicais

Publicado en: El Correo Gallego – 12/04

ARREDOR DO MUNDO
XOSÉ NEIRA VILAS

Tres vellas gravacións discográficas foron rescatadas polo Concello de Pontevedra en coordinación coa empresa cultural Ouvirmos. Unha delas é a de Aires da Terra, o grupo creado por Perfecto Feixóo, aquel memorable boticario pontevedrés que convocaba na súa rebotica a figuras senlleiras da arte e da política. Xa me referín a el nun traballo anterior e ó disco que imprimiu con alalás, ribeiranas, etc, hai más de cen anos. O primeiro disco de música galega.

Outra gravación é a da Coral Polifónica, que ademais de pezas galegas tiña no seu repertorio composicións de Haendel, Borodin e outros. O primeiro presidente da Sociedade foi Antón Losada Diéguez, e dirixírona sucesivamente Blanco Porto, Iglesias Vilarelle e Luís María Fernández. Bóveda e Castelo cantaron na Coral; do primeiro é a voz de solista que salienta na gravación recuperada. E en canto ó segundo, ademais de ter sido cofundador e cantar, foi escenógrafo e chegou a presidir a entidade. A Polifónica acadou gran prestixio, e ademais das súas frecuentes actuacións en Galicia estivo en Bilbao, León, Santander, Madrid…

O terceiro disco contén pezas gravadas polo violinista pontevedrés Manolo Quiroga, un virtuoso de prestixio internacional. Foi amigo de Sarasate, Granados, Falla e Iturbe (que o acompañou no piano moitas veces). Con 19 anos obtivo o primeiro premio no Conservatorio de París, onde competiu con outros 43 violinistas. É autor de pezas galegas como Alborada, Galicia, Terra nosa… Compuxo máis de 40 obras, algunhas de temática sudamericana. A primeira gravación fíxoa en París en 1912.

Todo un acerto. O Concello de Pontevedra e a organización Ouvirmos (que tamén acaba de recuperar en América gravacións de Manuel do Pazo e Avelino Rodríguez, e traballa na busca de cancións interpretadas polo tenor Xosé Vales) merecen a gratitude de todos nós por recuperar estas tres xoias.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para garantir a mellor experiencia de usuario. Ao navegar está dando o seu consentimento para aceitar os mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique a ligazón para máis información. ACEPTAR

Aviso de cookies