O Concello de Pontevedra e Ouvirmos recuperan gravacións historicas da Polifónica

O disco sorprende por amosar, ademais das fermosas polifonías da formación, o único rexistro de voz do galeguista Alexandre Bóveda.

Durante este ano que se conmemora o centenario das primeiras gravacións comerciais galegas, o Concello de Pontevedra e a empresa de documentación musical Ouvirmos veñen de editar o disco “Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra – Unha voz na polifonía europea“, que recupera gravacións datadas dos anos de 1929 e 1958, baixo a dirección de A. Blanco Porto e A. Iglesias Vilarelle, respectivamente.

Xa durante o primeiro semestre do Ano da Música, editáronse os históricos discos do coro pontevedrés Aires d’a Terra -primeiras gravacións comerciais galegas- e o do músico galego Faustino Santalices – Gravacións históricas de zanfona 1927-1949-, cuxa presentación pública foi acompañada de ciclos de conferencias dedicados á obra destes artistas.

Los Monfortinos A edición do disco da Polifónica está pois, xunto con estes outros dous proxectos, enmarcado dentro das iniciativas de recuperación da memoria e do coñecemento do patrimonio musical galego, un dos principais obxectivos do Ano da Música.

No decorrer deste último trimestre do ano, editarase igualmente o disco do violinista pontevedrés Manuel Quiroga, acompañado de diversas actividades formativas sobre este personaxe.

O álbum da Polifónica, con sorpresa incluída.
O álbum “Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra – Unha voz na polifonía europea“, sorprende por amosar a faceta de cantor de Alexandre Bóveda; o principal ideólogo do Estatuto de Autonomía Galego e referente cultural para milleiros de galegos, aparece como solista no tema “Canto d’Ourense”, de Obdulia Prieto, nun documento que supón o único rexistro da súa voz.

A edición do disco da Sociedade Coral Polifónica só foi posíbel grazas ao rico arquivo do Museo de Pontevedra que aportou abundante documentación tanto sonora como gráfica, así como o traballo de restauración sonora da Radio Galega -na persoa de Pablo Barreiro- e ao estudio biográfico da agrupación desenvolvido por Luís Costa Vázquez-Mariño. O resultado é un libro-disco que reúne 25 temas relixiosos e populares e contextualiza, con ilustracións e textos traducidos en catro idiomas, o panorama cultural de principios do século XX, explicando as influencias estilísticas artísticas europeas e por ende as formacións corais de entón.

Fundada en febreiro de 1925, a Sociedade Coral Polifónica fixo a súa primeira aparición pública os días 9 e 10 de abril en senllos concertos sacros. Porén, a súa primeira actuación formal tivo lugar o día 23 de marzo de 1926 no Teatro Principal de Pontevedra. Estilisticamente, esta agrupación supuña algo totalmente novo no panorama da música coral galega, e mesmo da música galega en xeral, xa de entrada pola presenza de mulleres. Recórdese que os orfeóns daquela eran todos formados por homes, como por exemplo o coro pontevedrés Aires d’a Terra.

Los Monfortinos

Cun repertorio coidadosamente escollido que incluía polifonías do Renacemento e do Barroco -e esporadicamente obras de Beethoven, Franck ou Debussy- desde os seus comezos a Polifónica acadou o eloxio unánime da crítica, tanto en Galicia como no resto de España e en Portugal, lugares onde presentou as súas xiras. O lucence Jesús Bal e os madrileños Adolfo Salazar, Joaquín Turina, Moreno Torroba ou Julio Gómez foron bos exemplos diso, destacando, desde un principio, a capacidade técnica e a altura estilística da agrupación.

No período que se recolle as gravacións que se poden escoitar neste disco, e que podemos considerar como os seus rexistros históricos, a Polifónica de Pontevedra tivo dous directores: Antonio Blanco Porto (1925-1940) e Antonio Iglesias Vilarelle (1940-1964); ao primeiro corresponde o rexistro de 1929, e ao segundo os de 1944 e 1956. Esta mudanza na dirección, forzada polo falecemento de Blanco Porto, non supuxo ruptura algunha na liña estilística da agrupación, xa que Vilarelle traballara da man de Blanco Porto desde os inicios da Sociedade e mantiñan unha clara sintonía respecto do que a Polifónica debería ser.

A presentación oficial do disco da Polifónica terá lugar o vindeiro 10 de decembro de 2004 no Teatro Principal de Pontevedra, nunha gala artística na que actuará a Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para garantir a mellor experiencia de usuario. Ao navegar está dando o seu consentimento para aceitar os mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique a ligazón para máis información. ACEPTAR

Aviso de cookies