Remata o ano Lois Pereiro
A pouco de rematar o ano Lois Pereiro, e como peche de homenaxe querémosvos recomendar unha actividade.
Non, non é o polémico Congreso “secreto” que organiza a Real Academia, senón un acto homenaxe que celebran o día 17 de decembro na vila natal do poeta, O Incio.
Ás 19 horas descubrirán unha placa conmemorativa cun poema de Pereiro na Praza do Concello, e seguidamente, as 19.30 horas Marica Campo, Olga Novo e Manuel Rivas darán un recital poético.
Esta tamén pode ser unha das últimas oportunidades para ver en directo ao grupo Ondas Martenot, creado exclusivamente como tributo a Lois Pereiro. A banda actuará xunto con A Quenlla ás 22 horas no antigo mercado gandeiro do Incio.
E até o 23 de decembro tamén podedes visitar no IES de Ponte Caldelas a exposición “Punto de información multimedia Lois Pereiro”. Esta instalación, que ven de itinerar por varias vilas e institutos galegos, afonda na figura do poeta dunha forma dinámica e innovadora, cunha pantalla táctil de 46” que presenta un programa interactivo e dinámico sobre a súa vida e obra.
Bo final do ano Lois Pereiro.
Para o 2012 desde Ouvirmos teremos novidades relacionadas co poeta do Incio!