Visitas guiadas á Deputación da Coruña

As visitas guiadas ao Pazo Provincial programadas nos anos 2018 e 2019 foron parte da celebración do 30 aniversario da utilización do antigo Hotel Embajador como sede da Deputación da Coruña.

Realizamos este programa no Pazo Provincial, o edificio sede da Deputación da Coruña, durante os meses de verán dos anos 2018 e 2019. Un total de 10 visitas en cada edición concibidas en formato teatralizado.

As visitas foron guiadas por dúas actrices. No ano 2018 interpretaron os papeis de dúas traballadoras do Hotel Embajador, primeiro uso do actual Pazo Provincial, e no 2019 convertéronse en dúas funcionarias do rexistro da Deputación, unha pertencente ao pasado da institución e a outra, representando o presente e futuro.

O percorrido incluía unha visita aos espazos mais emblemáticos do edificio, repasando tanto a historia do inmoble como a organización, funcionamento, competencias e historia da institución provincial. E, por suposto, o acceso á terraza do edificio que, situada na sexta planta, ofrece unhas formidables vistas panorámicas da cidade.

Ambas as dúas edicións obtiveron unha resposta masiva e interesada por parte do público que encheron xa nas primeiras semanas os grupos de todas as visitas.