Sete voces para a Coral de Ruada. Expo 90 aniversario
Centro Cultural Simeón da Deputación de Ourense. Do 1 até o 27 de setembro de 2009
A exposición “Sete voces para a Coral De Ruada” foi unha das actividades centrais da conmemoración dos 90 anos de historia da agrupación ourensá. Naceu a partir dos fondos propios da Coral, do seu significado histórico e do seu alcance actual, e presentaba unha viaxe polas apaixonantes memorias da agrupación narrada a través de sete palabras que definen a esencia de De Ruada: Movemento, Innovación, Galeguismo, Talento, Momentos, Legado e Palabra.
Cada unha destas palabras marcaba un espazo temático diferenciado dentro da exposición. Movemento dedicado ás xiras internacionais. Innovación ás películas, escenas corais e gravacións. Galeguismo presentaba a recuperación e resistencia cultural e as misas en galego. Talento para os membros fundadores, persoeiros relacionados e máis premios recibidos. Momentos estaba dedicado ás actuacións diante dos xefes de Estado e recepcións e Legado, ás influencias que a Coral exerceu de forma directa ou a través do seu repertorio. E a Palabra era para o audiovisual, onde tomaban a palabra os membros actuais xunto a imaxes extraídas de películas con participación da Coral ou de cintas caseiras rescatadas do esquecemento.
Ademais de paneis informativos, a exposición mostraba os obxectos máis relevantes obtidos e custodiados pola Coral nos últimos 90 anos, os cadros e obras de artistas relacionados con De Ruada, a proxección dun audiovisual e unha zona interactiva onde se podían escoitar algúns dos temas fundamentais do repertorio da Coral.
A fotografía tamén tiña un apartado cun grande peso na exposición, con fotografías históricas e imaxes artísticas actuais.