Sarria<30. Cultura, Formación e Emprendemento

Cliente: Ministerio de Cultura, Xunta de Galicia-AGADIC, Concello de Sarria
Convocatoria: Territorio Cultura 2025
Sarria<30 é un proxecto de dinamización cultural e emprendemento xuvenil desenvolvido por Ouvirmos en maio do 2026 co obxectivo de fortalecer o tecido cultural da comarca a través da formación, o emprendemento, a creación de redes e a participación da mocidade.
A iniciativa desenvolveuse nos sete concellos da comarca —Sarria, Láncara, O Incio, O Páramo, Paradela, Samos e Triacastela— mediante unha programación descentralizada que combinou laboratorios especializados, encontros profesionais e un evento central aberto á cidadanía. O proxecto apostou por conectar cultura, patrimonio, industrias culturais e creativas e emprendemento, convertendo o territorio nun espazo de aprendizaxe, intercambio e colaboración.
Un dos elementos máis innovadores da iniciativa foi a conceptualización da Xeración <30, unha comunidade de persoas mozas vinculadas á cultura e ao emprendemento xoven que, a través da formación e do contacto directo con profesionais de referencia, atopou un espazo para compartir experiencias, establecer redes e descubrir novas oportunidades de desenvolvemento profesional no propio territorio. Esta aposta por ofrecer referentes próximos e visibilizar o talento novo converteuse nun dos sinais de identidade do proxecto.
Ao longo da súa execución desenvolvéronse 9 laboratorios, 6 mesas e encontros profesionais e un Evento Central na Praza de Abastos de Sarria, reunindo 35 profesionais, 398 participantes, 5 asociacións mediadoras e numerosas entidades colaboradoras. A programación abordou disciplinas como a xestión cultural, o patrimonio inmaterial, a literatura, a danza, a música, o turismo cultural, a gastronomía e o emprendemento, favorecendo unha visión transversal da cultura como motor de desenvolvemento territorial.
Ouvirmos asumiu a conceptualización, coordinación técnica, produción e comunicación integral do proxecto, deseñando un modelo de intervención baseado na cooperación entre administracións, asociacións, profesionais e empresas. O resultado foi a consolidación dunha marca cultural propia para a comarca e dun modelo de traballo colaborativo con vocación de continuidade, capaz de fortalecer o ecosistema cultural e creativo do territorio.














