Mapa sonoro de Vigo

O son da cadea de montaxe en Citroën, do vento na noite das Cíes ou da Procesión da Borriquita forman parte do Mapa Sonoro de Vigo, un novidoso produto turístico que desenvolvemos para a Concellería de Turismo de Vigo e que foi presentado en novembro de 2010. Permite descubrir aos visitantes a cidade de Vigo desde unha nova perspectiva, a través de 40 puntos de escoita con aqueles lugares que forman parte da cotidianeidade e da identidade sonora da cidade.

O traballo está baseado na “fonografía” ou a arte de gravar os sons do noso contorno, que están agrupados temáticamente: sons urbanos, ambientes naturais, festas, celebracións, lugares e actividades humanas.

Preparar unha visita turística, ambientala coa súa sonoridade, apreciar eses sons e escoitalos preservados da contaminación acústica, constitúen a esencia das aplicacións deste proxecto. Entra e pérdete na cidade a través dos múltiples itinerarios sonoros que che ofrece este mapa.