II Gala de Entrega dos Premios Galicia Parabéns

Coordinamos toda a produción do acto de entrega da segunda edición dos Premios Galicia Parabéns para Turismo de Galicia. O traballo incluíu a realización dos tres vídeos promocionais xunto á organización e dirección do acto.

A gala de entrega celebrouse o día 13 de xuño na capela do Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela e contou coa asistencia do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e 200 persoeiros máis.

A segunda edición dos Premios Galicia Parabéns recoñeceron nas súas dúas modalidades o labor realizado polos concellos de Celanova e Mondoñedo. Celanova, premiada na primeira modalidade, recibiu o galardón pola mellora e embelecemento do Burgo Medieval de Vilanova dos Infantes. E Mondoñedo, concello gañador da segunda modalidade, pola mellora e embelecemento do conxunto histórico-artístico de Mondoñedo e dos treitos do Camiño de Santiago no seu termo municipal.

Os Premios Galicia Parabéns nacen como instrumento de recoñecemento institucional e social ás iniciativas destinadas a mellorar e embelecer a nosa comunidade. Unha iniciativa de Turismo de Galicia para contribuír a dar valor e apoio aos mellores proxectos promovidos polos concellos na procura dunha Galicia de excelencia.

Os Premios Galicia Parabéns constan das seguintes categorías:

  • 1ª categoría. Destinada a distinguir as iniciativas ou actuacións realizadas nos últimos dez anos para conseguir unha mellora da paisaxe, unha integración axeitada nela de elementos antrópicos (arquitecturas, estradas, industrias, canteiras…), ou da propia mellora estética dos núcleos poboacionais. Así mesmo, inclúense nesta categoría as iniciativas ou actuacións de embelecemento realizadas nos lindes das rutas dos Camiños de Santiago.
  • 2ª categoría. Destinada a premiar os mellores proxectos dirixidos á realización de obras de revalorización e embelecemento, tanto para promover unha mellora da paisaxe como para intervencións nos núcleos poboacionais ou nos lindes dos Camiños de Santiago.

A dotación económica destes premios está destinada a sufragar os gastos das obras de execución destes proxectos, co obxectivo de seguir mellorando a imaxe de Galicia