Fondo dixital da cultura galega

O patrimonio que herdamos non é un ben que se poida esquecer, senón que é un conxunto de construcións, de restos arqueolóxicos, de lugares etnográficos, de tradicións, usos e costumes que teñen moitas veces centos ou miles de anos ou que, sendo moito máis recentes, constitúen a creación dun pobo de xeito colectivo. Un patrimonio que por obriga legal e ética debemos transmitir.

Co obxecto de favorecer o acceso dos cidadáns a estes recursos culturais e aumentar a presenza de contidos galegos en Internet, Ouvirmos elaborou para a Fundación Cidade da Cultura o proxecto do FDCG, que será un gran arquivo dixital do patrimonio cultural de Galiza. Estará constituído non só por manuscritos, incunábeis e libros en xeral, senón tamén por outros materiais e soportes a través dos cales se difunde a cultura: coleccións de prensa histórica, cartografía, documentos sonoros que reflicten a nosa tradición oral e a nosa historia cultural, de materiais gráficos (carteis, fotografías, gravados, postais, planos…), de partituras musicais, etc.

O obxectivo é a creación dun único punto de acceso a través da rede para chegar á información contida nas institucións de referencia.

O proxecto do FDCG desenvolverase en catro fases: o estudo do que xa hai dixitalizado e a valoración do aínda non dixitalizado para a súa posterior dixitalización; facer accesíbeis eses recursos dixitalizados a través do portal do FDCG; mantemento sistemático da web, con avaliacións periódicas, inclusión de novos servizos relacionados coa web 2.0, actualización de contidos… ; e incorporación paulatina dos recursos “born digital”, aqueles que xa nacen en formato dixital.