Festival Matías López. A cultura do chocolate

A relevancia do festival Matías López descansou na súa innovación á hora de realizar unha programación cultural utilizando como punto de partida e central da proposta un alimento básico na gastronomía popular e que gusta a nenos e maiores. Lembremos que Galicia é segundo o “Informe anual de consumo alimentario 2020” o primeiro consumidor de chocolate do Estado e este sería o primeiro evento organizado no país arredor deste produto. E non se organizou en calquera lugar, fíxose en Sarria (Lugo), localidade na que ten todo o sentido ao ser o berce de Matías López, sarriao que revolucionou a industria chocolateira no século XIX en España e que deixou unha forte pegada cultural na vila.

Un xeito de dinamizar o ecosistema cultural da comarca cunha proposta consistente debido, en grande medida, á implicación total de organismos locais e galegos, centros de ensino, asociacións de comerciantes, hostalaría e centros de formación hostaleira, reposteiros locais e empresas ou obradoiros chocolateiros de toda Galicia.

  • Un Festival con obradoiros e showcookings, espectáculos, actividades infantís, cinema, teatro, música, exposicións, venta de produtos… Todo durante dous días nunha carpa situada no parqe do Chanto.
  • Un Festival para poñer en valor a figura de Matías López, sarriao precursor no século XIX da industrialización do chocolate e do marketing comercial en España.
  • Un Festival para divulgar a historia e as propiedades do chocolate fomentando o comercio xusto e o consumo responsable.
  • Un Festival para facer de Sarria o punto de encontro para expertos gastronómicos, produtores, marcas e público xeral amante do chocolate.