Cociñeiras ilustradas. Video-receitas

Desde Ouvirmos deseñamos e producimos Cociñeiras ilustradas, un proxecto que a Xunta de Galicia puxo en marcha polas redes sociais e páxina web da Cidade da Cultura. Cociñeiras ilustradas. Divertidas receitas animadas para preparar e papar coa cativada é un curso de cociña en liña para que as familias preparen coa cativada divertidas e sinxelas receitas, explicadas en vídeos de animación cos debuxos de cinco recoñecidas ilustradoras galegas: Ana Varela, Ángeles Díaz –alias ‘Axóuxeres e chisqueiros’–, Nuría Díaz, Laura Tova e Dani Padrón.

Os vídeos emitíronse en liña pola páxina web da Cidade da Cultura e polas súas redes sociais (Facebook, Instagram e Twitter) todos os sábados, do 13 de xuño ao 11 de xullo de 2020. Un total de dez propostas culinarias inspiradas na nosa colección de Cociña Infantil e Familiar e autoría dos prestixiosos cociñeiros Xenxo Piñeiro, Santiago Martínez, David Cibre e Miguel A. Caruncho da Escola de Hostalaría Belarmino Fernández, en Sober (Lugo).

Esta actividade buscou espertar o interese da cativada pola cociña e contribuír a incorporar na súa educación o valor das materias primas non procesadas e dunha alimentación sá e equilibrada. Formou parte da programación en Internet e polas redes sociais da Cidade da Cultura de Galicia co obxecto de ofrecer contidos culturais e de lecer de calidade nunha época de limitacións de actividades presenciais por cuestións de seguridade e sanitarias pola covid-19.

Ilustradores/as: Ana Varela, Ángeles Díaz, Dani Padrón, Nuria Díaz, Laura Tova

VIDEORECEITAS