Centenario do Coro Cántigas e Aturuxos
Cántigas e Aturuxos ocupa un lugar fundamental dentro da historia cultural de Lugo. No 2015 conmemóranse os 100 anos do nacemento deste proxecto que é símbolo de identidade e parte esencial da memoria colectiva de todos os lucenses. O impulso común dunha cidade que foi protagonista da gravación histórica do himno galego (1918) e levou o nome de Lugo máis alá das nosas fronteiras.
Co obxectivo de redescubrir o valioso pasado cultural de Lugo e revalorizar o papel protagonista destes pioneiros do Folclore Lucense deseñamos e programamos os seguintes eventos:
Libro e CD conmemorativo: Coro Cántigas e Aturuxos. Repertorio lucense. 1918. Edición da obra que, froito de tres anos de traballo de investigación, saca por primeira vez á luz toda a historia documentada da creación e evolución de Cántigas e Aturuxos. O libro vai acompañado do CD que reúne unha recompilación de 20 temas restaurados e dixitalizados a partir dos seus discos de gramófono orixinais do ano 1918 e 1928. Entre eles, a primeira gravación do Himno Galego.
Exposición: Primeiras Gravacións Lucenses Cántigas e Aturuxos 1918. Ao longo dos anos, o Coro como colectivo e moitos dos que o conforman e conformaron a nivel particular acumularon unha inxente cantidade de información e legados. Unha exposición de factura moderna facilitará que o público poida achegarse ao traballo cultural realizado desde o Coro.
Xornadas de Coros Históricos. Encontro dos coros fundados a principios do século XX que continúan vivos na actualidade. O público de Lugo terá a oportunidade de escoitar un recital ao vivo destas institucións históricas que como Cántigas e Aturuxos naceron para rescatar o patrimonio tradicional galego. Os coros participantes son: Coro Toxos e Froles de Ferrol, Coral De Ruada (Ourense), Cantigas e Agarimos (Compostela) e Cántigas da Terra (A Coruña).