Carvalho Calero EXPO CC2020
A voz presente. Carvalho Calero. Letras Galegas 2020 Auditorio de Galicia | Decembro 2020 – Marzo 2021
Realizamos a mostra central do Ano Carvalho Calero, autor ao que se lle dedicou o Día das Letras Galegas no 2020. A exposición foi o resultado do proxecto encargado pola Agal, o Concello de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia.
As verbas de Carvalho espállanse polos espazos que delimitan os 1.000 cadrados da Sala Isaac Díaz Pardo no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela e que ofrecen ao visitante unha envolvente experiencia sensorial do universo Carvalho Calero. Estas palabras, seleccionadas polos comisarios José Luis Rodríguez e Carlos Quiroga, xunto aos obxectos, imaxes e vídeos de Carvalho, constrúen un diálogo coas liñas xeométricas das estruturas, as sombras da iluminación e a constante cor azul para facer toda unha declaración de intencións do título da mostra: A voz presente.
A través da súa propia voz, dos seus escritos e das entrevistas concedidas, a presenza do autor materialízase en cada un dos espazos que conforman a exposición. Entre eles, unha cronobiografía que presenta nunha liña do tempo as distintas etapas vitais de Carvalho. Desde o seu nacemento en 1910 ata o seu falecemento en 1990 a súa cronobiografía lévanos a través das cidades de Ferrol, Santiago, Madrid e Lugo para descubrir os aspectos máis relevantes da súa vida persoal, traxectoria política e obra literaria xunto a imaxes do seu álbum persoal e as súas propias palabras a través das citas extraídas de libros e entrevistas.
Na mostra tamén hai un espazo dedicado aos lugares vitais que marcaron a Carvalho: Ferrol, Lugo e Compostela así como varias paredes dedicadas á súa obra e produción literaria e científica presentada nos paneis titulados “Reintegracionista”, “Filólogo Divulgador” e “Intelectual Honesto”, que dan conta das súas facetas como prolífico creador.
Ademais, pódese escoitar e ver ao propio Carvalho en dúas pantallas que mostran un extracto de dous audiovisuais sobre Carvalho Calero: do programa “A duas bandas” (TVG) emitido a 12 de maio de 1987 e do audiovisual “Carvallo Calero, a posibilidade de rectificar a historia” coproducido no 1991 por A Nosa Terra e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega.










