Camiño ao Estatuto. Castelao e mais

Exposición temporal · Bibliotecas Municipais · Concello da Coruña · 2025

Un percorrido pola memoria do autogoberno galego

Con motivo do 75º aniversario do pasamento de Castelao, Ouvirmos desenvolveu para o Servizo de Bibliotecas Municipais do Concello da Coruña unha exposición temporal centrada no proceso histórico que conduciu ao recoñecemento da identidade política e cultural de Galicia. A mostra propuxo un percorrido documental por máis dun século de historia, no que Castelao comparte protagonismo con outras figuras fundamentais do galeguismo que contribuíron á construción do pensamento autonomista e á defensa da lingua, da cultura e da identidade de Galicia.

A exposición foi concibida como unha proposta divulgativa baseada nos fondos conservados na Biblioteca Municipal de Estudos Locais, transformando un importante patrimonio documental nun relato accesible para todos os públicos. A través dunha narrativa cronolóxica e dunha coidada selección de documentos históricos, publicacións e materiais gráficos, a mostra achega ao visitante aos principais fitos políticos, culturais e sociais que marcaron o proceso de construción do autogoberno galego.Desde unha perspectiva interpretativa, o proxecto buscou converter a documentación histórica nun recurso de mediación cultural, favorecendo a comprensión do contexto histórico e promovendo unha reflexión sobre a evolución da identidade colectiva galega e o papel desempeñado por distintas xeracións de intelectuais, escritores, artistas e activistas.

Ouvirmos asumiu o desenvolvemento integral do proxecto expositivo, abordando todas as fases necesarias para a súa materialización:

  • Conceptualización e definición do relato expositivo.
  • Investigación documental e selección de contidos.
  • Estruturación do discurso interpretativo.
  • Redacción dos textos divulgativos.
  • Deseño museográfico e gráfico da exposición.
  • Produción dos materiais expositivos.
  • Coordinación técnica da instalación.