Álvaro Cunqueiro no Verbum

As fotos do álbum familiar e a propia voz de Cunqueiro foron o núcleo desta mostra realizada no mes de abril e maio de 2010. A fórmula expositiva buscaba transmitir con claridade e de forma amena, o lado máis humano, persoal e íntimo do noso gran fabulador, contando para elo coa colaboración da familia do autor, que cedeu pezas persoais, o seu álbum fotográfico e o seu son, o da súa propia voz… e mais o das voces doutros artistas cantando os seus poemas…

A exposición deseñouse ao redor de seis ámbitos temáticos, desenvolvidos en doce paneis, que percorrían diferentes etapas da vida de Cunqueiro: O meu val, a miña casa; Lonxe de Arcadia; Véxome só; Cantos ledos en Vigo; Serán de outono; e Se algún día, despois de morto…

Ademais, habilitáronse dous espazos específicos: un audiovisual, no que se proxectou unha montaxe fotográfica coa banda sonora dos seus poemas musicados por Luís Emilio Batallán e Amancio Prada; e outro sonoro con dous puntos de escoita: A Palabra, onde soaba a voz do propio Cunqueiro en dúas gravacións, e Músicas, onde diversos artistas musicaban unha selección de poemas do autor.

A exposición estivo inspirada na Fotobiografía Sonora de Álvaro Cunqueiro, publicación de Ouvirmos que presenta a vida e a obra literaria do mindoniense a través de perto de 200 páxinas, máis de 100 fotografías do seu álbum persoal e dous CD’s que recollen discursos pronunciados por Cunqueiro así como poemas seus musicados.