ADEGA 50 Aniversario
En 2024, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) cumpriu 50 anos de historia, chegando aos nosos días como o colectivo ecoloxista galego con maior traxectoria e pegada no país. A historia de ADEGA é a historia do ecoloxismo galego e, como tal, merece dun especial recoñecemento público para o que preparamos unha serie de accións cos seguintes obxectivos:
- Dar a coñecer a traxectoria da asociación explicando os principais fitos e campañas.
- Difundir e pór en valor o ecoloxismo galego, a súa importancia nas reivindicacións e concienciación en Galiza e a súa interacción no contesto estatal e mundial: “pensa global, actúa local”.
- Impulsar o ecoloxismo, principalmente ADEGA, entre a xuventude.
- Dar a coñecer e agradecer as achegas das principais persoas actoras dentro do ecoloxismo galego.
DOCUMENTAL “A TERRA POR GAÑAR”
“A Terra por gañar” é un documental que narra a historia da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) dende a súa fundación en 1974. Un relato guiado por voces destacadas da organización que ofrece unha mirada profunda ao impacto do movemento ecoloxista galego, ás agresións ambientais sufridas dende o inicio da sociedade industrial e a un presente de loita no que os conflictos locais tornaron en desafíos globais.
Unha reflexión indispensable para comprender a Galiza que habitamos, recoñecer o legado de ADEGA e das persoas que puxeron o corpo na protección da Terra e revisar o papel dun movemento ecoloxista que efronta novas e complexas problemáticas ambientais nunha das chamadas “zonas de sacrificio”.
EXPOSICIÓN ITINERANTE “ADEGA. 50 ANOS COIDANDO A TERRA”
Inspirándonos nunha das grandes loitas exitosas de ADEGA e do conxunto da sociedade galega nos anos 80 – o cese dos vertidos de bidóns radioactivos na fosa atlántica – plantexamos unha exposición que mestura divulgación histórica, ambiental e espectacularidade, pois varios bidóns de residuos tóxicos, como aqueles que encheron os mares galegos entre 1949 e 1982 reciben ao visitante.
Xunto a eles, 16 paneis temáticos percorreron a xeografía galega centrándose en diferentes temáticas recurrentes ao longo da nosa historia: as celulosas, os lumes, os accidentes de buques nas nosas costas, os residuos, a invasión eólica, etc.


FOCUS GROUP
Desenvolvimos un foro de diálogo con socias menores de 30 anos de ADEGA cos seguintes obxectivos:
- Identificar Necesidades e Preferencias: descubrir as súas necesidades específicas e preferencias en canto a activismo e participación na organización.
- Avaliación de Percepcións e Expectativas: explorar e comprender os motivos que levan aos mozos e mozas a involucrarse no ecoloxismo, así como as súas percepcións e expectativas respecto a ADEGA, para mellorar a oferta e as actividades da organización.
- Desenvolver Campañas Específicas: utilizar a información recollida para definir e implementar unha campaña dirixida a captar e involucrar membros xoves, adaptando as mensaxes e métodos ás súas expectativas e estilos de vida, dentro do marco do 50 aniversario da organización.
- Optimizar o Uso de Canles e Influencers: empregar canles de comunicación e influencers que resoan directamente co perfil demográfico das participantes, asegurando que as mensaxes cheguen de maneira efectiva e atractiva.