Lois Pereiro. Letras Galegas 2011

Participamos na difusión da figura do poeta Lois Pereiro nos actos celebrados con motivo do Día das Letras Galegas no 2011, ano no que foi o escritor homenaxeado. Deseñamos e organizamos diferentes propostas para dar a coñecer á cidadanía a vida e obra do poeta monfortino. Estas foron as actividades que levamos a cabo:

Fotobiografía Sonora de Lois Pereiro. Editamos esta obra que nos achega ao mundo máis persoal de Lois Pereiro, o poeta da contracultura, a través das máis de 100 fotografías inéditas do seu álbum familiar. Unha sucesión de escenas dunha vida a contracorrente, narrada polo seu irmán, o xornalista Xosé Manuel Pereiro a través de catro etapas vitais: O Incio, Monforte, Madrid, A Coruña.

O libro –con prólogo de Manuel Rivas- inclúe dous CD’s. O primeiro recolle a voz do propio autor nunha entrevista radiofónica concedida a Ana Romaní poucos meses antes da súa morte. Lino Braxe é o encargado de comentar este documento sonoro no artigo titulado “Perdido nas selvas de Indonesia”. O segundo CD inclúe unha selección dos seus poemas musicados por Manu Clavijo, Alexandro González, Fanny+Alexander, Nación Reixa e Radio Océano. Xurxo Souto asina o comentario de cada unha das cancións así como o artigo “A calma tensa”, no que analiza a relación de Lois coa música.

Lois Pereiro. Camiño do futuro libremente. Organizamos a exposición oficial de Lois Pereiro en colaboración coa familia, o Concello de Monforte e a Deputación de Lugo. Un cento de imaxes do álbum familiar de Lois Pereiro, a gravación do seu último recital no café Moka e unha selección dos seus poemas musicados formaron parte de “Lois Pereiro. Camiño do futuro libremente”, a mostra que se converteu nun exercicio colectivo de lembranza do poeta. Tamén se proxectou en continuo o audiovisual “Valle de Lágrimas” de Jorge Demetrio Rodríguez, un filme no que Lois Pereiro actúa como actor e que serve para contextualizar as correntes estéticas da época.

Punto de información multimedia Lois Pereiro. Instalación multimedia composta por unha pantalla táctil de 46”, que presentaba un programa interactivo e dinámico sobre a súa vida e obra. Tras pasar por Lugo, a mostra itinerou durante todo o ano 2011 polas bibliotecas nodais das principais vilas e polos IES seleccionados pola Xunta de Galicia como homenaxe ao poeta monfortino. O público de 14 localidades puido afondar así na figura de Pereiro dunha forma dinámica e innovadora.

A música de Lois Pereiro. Con motivo das festas patronais de Monforte, en agosto de 2011, organizamos tres concertos para render tributo á figura de Lois Pereiro. Manu Clavijo, autor do disco Lois Pereiro, canción última… e Ondas Martenot puxeron voz aos poemas e a música da que máis gustaba o autor monfortino, protagonista do Día das Letras Galegas 2011.

Foi un ciclo de tres concertos nos que se puideron escoitar dezaseis poemas de Pereiro musicados por Manu Clavijo, así como un repertorio das cancións que lle gustaba ao poeta, interpretadas por Ondas Martenot.