Ouvirmos no Culturgal 2011

Voltamos do Culturgal moi satisfeitos, coa organización da feira, coa afluencia de público e coa boa acollida que tiveron os nosos libros e as nosas actividades.

No curso de cociña infantil que organizamos o sábado pola mañá  os nenos pasárono moi ben preparando as minipizzas de galletas mariñeiras. As 26 prazas dispoñibles cubríronse na súa totalidade e, con moita pena pola nosa parte, algúns tiveron que quedar fora. Pero o ano que ven organizaremos moitos máis cursos por toda Galicia para que os pequenos da casa poidan dar seus primeiros pasos na cociña.

Tamén as presentacións dos dous libros que fixemos no Culturgal tiveron moi boa resposta por parte do público. O sábado pola mañá presentamos os dous primeiros libros da colección de Cociña Infantil e Familiar: “Bocadillos e Sándwiches” e “Sobremesas”, polos que recibimos moitos parabéns durante os tres días da feira. Os libros gustaron polo seu contido e polo seu deseño, moi visual e atractivo.

O domingo pola mañá presentamos a Guía Didáctica de Instrumentos Galegos, outra das nosas novidades editoriais que tamén espertou moita curiosidade entre o público. O autor, Moisés Quintas, explicou o contido desta obra, que é unha excelente ferramenta de apoio para o coñecemento e o ensino da música galega.

E polo noso stand non deixou de pasar xente interesada nas fotobiografías sonoras, nos itinerarios histórico-musicais ou nas bonecas para recortar. Un pracer conversar con todos e até a próxima edición! Gracias tamén ás persoas que quixeron compartillar con nós os seus proxectos futuros.