Cursos de cociña infantil, mañá no Culturgal

Xa estamos no Culturgal!! Gústavos o noso stand? Até combina coas cores da moqueta!!

Que feira!!! Nunca o Culturgal tivo tan boa programación, tan bos contidos e estivo tan ben montada. Dicimos isto o día da inauguración, esperando que teña moita asistencia de público nos seguintes tres días.

Máis, a grande materia pendente, que deberá mellorarse para as próximas edicións, é a comunicación pública. E non falamos de publicidade pagada nos medios tradicionais, que tamén, senón de creatividade e sinerxias entre o publico e o privado. Estas serán as chaves, para unha mellor difusión.

Nos aquí estaremos os tres días, con este stand no que podedes coñecer todas as nosas novidades, e con varias actividades dentro da programación da feira.

Para mañá, propoñémoste un plan! Vente ao Culturgal cos pequenos da casa e participade no noso curso de cociña infantil.

Ouvirmos ofrece esta divertida actividade infantil que comezará as 11.30 h., e na que os nenos participantes serán obsequiados cun gorro e un mandil para sentirse auténticos cociñeiros e meter as mans na masa. As prazas son limitadas, polo que é preciso apuntarse ao chegar á feira.

Os alumnos participarán activamente na elaboración dunha receita de mini pizza de galletas mariñeiras, preparando e mesturando os ingredientes. E ao final da sesión poderán levar unha mostra dos produtos elaborados, así como un exemplar do libro “Bocadillos e sándwiches”, da nosa Colección de Cociña Infantil e Familiar, co que poderán aprender a elaborar 20 receitas diferentes e creativas.