Xoguetes naturais. Outono-Inverno



Argalleiras e argalleiros, estades de sorte! Xa está dispoñible o segundo volume de Xoguetes Naturais, o caderno que nos ensina como realizar paso a paso 30 xoguetes con elementos da natureza, follas, herbas… Este segundo volume está dedicado aos xoguetes realizados con materiais propios do outono e o inverno. Os días son máis curtos e pequeneiros, as horas de xogar fóra da casa van minguando e os devezos de brincar medran ao ritmo da imaxinación. Non imos deixar de enredar por moito frío que faga ou aínda que á chuvia lle dea por aparecer un día si e outro tamén. Existen alternativas diversas e materiais dabondo para divertírmonos sen nos mollar ou acatarrar.

Bugallos, carozos de millo, nabos, cocas ou noces son só algúns dos elementos cos que poderedes construír muíños, cataventos, lanchas, bailaretes ou bonecas, entre outros.

Os 30 xoguetes acompáñanse de máis de 200 ilustracións realizadas a lapis e de textos explicativos prácticos e didácticos. Un total de 92 páxinas que presentan fichas para cada un dos xoguetes.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para garantir a mellor experiencia de usuario. Ao navegar está dando o seu consentimento para aceitar os mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique a ligazón para máis información. ACEPTAR

Aviso de cookies