No centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro, a campaña Vivo na rúa Celso Emilio Ferreiro achega nun formato orixinal e moi visual a figura do poeta á cidadanía. En concreto, aos veciños das rúas que levan o nome do autor en 28 localidades galegas.
A través dunha acción de buzoneo masivo, esta campaña ten como obxectivo que os cidadáns tomen conciencia de quen era Celso Emilio, do valor da súa obra e que desde ese achegamento á figura do poeta, sintan o orgullo de vivir na rúa que leva o seu nome. Busca así, alcanzar novos consumidores culturais: un proxecto de cidade, para as persoas que non acoden normalmente aos circuitos culturais convencionais.
O folleto inclúe, entre outros contidos, unha fotonovela ao redor da vida do poeta, apartados especiais sobre a súa obra e os seus poemas musicados, así como pasatempos.
Aquí podes ver e descargar o Folleto.