Punto de información multimedia Lois Pereiro

Lois Pereiro é protagonista dunha instalación multimedia composta por unha pantalla táctil de 46”, que presenta un programa interactivo e dinámico sobre a súa vida e obra.

Tras pasar por Lugo, a mostra itinerou durante todo o ano 2011 polas bibliotecas nodais das principais vilas e polos IES seleccionados pola Xunta de Galicia como homenaxe ao poeta monfortino, a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas 2011.

O público puido afondar na figura de Pereiro dunha forma dinámica e innovadora. O interactivo constou  de varios apartados: “Fotobiografía”, “A voz do poeta” e “Xogando coas palabras”.

Na “Fotobiografía” convidábase ao público a coñecer a vida de Pereiro a través do seu álbum fotográfico familiar, desde as súas orixes, a vida de neno en Monforte, a súa época en Madrid, as súas viaxes vitais e os seus últimos anos en Galicia. Incluía ademais un Túnel do tempo, onde se podía xogar con estas imaxes.

Ademais de presentar e afondar na súa produción literaria, “A voz do poeta” permitía escoitar a Lois Pereiro no mítico recital do café coruñés Moka en 1996.

En “Xogando coas palabras” ofrecíase un xogo para interactuar cos poemas de Lois. Tocando a pantalla, pódense xerar novas palabras e compor os poemas “cazando” as axeitadas.

“A Música” estaba representada por unha selección de versos de Lois musicados por Manu Clavijo (“Outro poema de amor” e “En Leonberg”), Alexandro González (“Contra a morte o amor que vai comigo”), Nación Reixa (“Furia”), Fanny+Alexander (“Postpunkdeirada”) e Radio Océano (“Narcisismo”). Cunha aplicación a modo de picadiscos, o visitante puido escoitar as cancións que elixiu, ademais de acceder aos comentarios e crítica musical de cada un dos temas.

A instalación interactiva contou tamén cun gran muro estático que mostra unha liña temporal cos fitos principais da biografía deLois Pereiroe textos explicativos das súas diferentes etapas vitais. Dúas pantallas incrustadas no muro exhiben en continuo perto de cen fotografías pertencentes ao álbum familiar do poeta.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para garantir a mellor experiencia de usuario. Ao navegar está dando o seu consentimento para aceitar os mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique a ligazón para máis información. ACEPTAR

Aviso de cookies