Abre en Monforte a exposición do Ano Lois Pereiro
O pasado venres 1 de abril inaugurouse en Monforte a exposición do Ano Lois Pereiro. Un cento de imaxes do seu álbum familiar, a gravación do último recital de Lois no café Moka e unha selección dos seus poemas musicados forman parte de “Lois Pereiro. Camiño do futuro libremente”, a mostra que aspira a converterse nun exercicio colectivo de lembranza do poeta.
A relación de Pereiro con Monforte é protagonista desta exposición interactiva que convida a todos os monfortinos a participar activamente nela.
Colle un post-it e exprésate
Seis grandes paneis mostran imaxes colectivas, onde Lois aparece xunto a monfortinos anónimos que compartiron instantes da súa vida e quedaron inmortalizados nas fotografías que agora recuperamos. Os visitantes teñen á súa disposición post-its, onde poden deixar por escrito o nome das persoas que identifiquen, mensaxes e comentarios, que serán pegados sobre as imaxes. Cada unha das achegas dos visitantes alimentará e transformará día a día esta exposición en constante construción.
Lois Pereiro. Camiño do futuro libremente
Do 1 de abril ao 31 de maio
Casa da Cultura
Praza de España, 3
Monforte de Lemos